Premios
Publicacións
(tamén editado en español)
(tamén editado en español)
Xornadas
Actos públicos:
Certames:
Exposicións
BD Banda é unha asociación cultural que traballa para difundir a banda deseñada ou cómic no público galego e, ao tempo, quere aproveitar este medio para colaborar na normalización da nosa lingua e cultura.
Publicacións periódicas
Aínda que a inscrición no rexistro de asociacións é recente, o colectivo conta cunha intensa traxectoria de traballo que inclúe a edición de seis números do fanzine homónimo desde o ano 2001. En 2006 o colectivo iniciou o proceso de profesionalización da cabeceira, publicando a que é aínda hoxe a única revista profesional de banda deseñada galega. Para alén da tiraxe na nosa lingua, con vistas a garantir a viabilidade do proxecto e mais facilitar a proxección exterior dos nosos autores, a revista ten unha dupla tiraxe en galego e en castelán, distribuíndose no noso país exclusivamente a versión galega.
Recoñecementos
Este traballo valeulle levar o Premio ao Mellor Fanzine no Saló do Cómic de Barcelona de 2005, sendo a primeira vez que unha publicación en galego se fai con máis importante galardón do estado neste ámbito. Tamén en 2005 as Xornadas de BD de Ourense premiaron o traballo do colectivo co Premio ao Mellor Labor do Ano no campo da BD.
Exposicións
Este traballo deu tamén na organización de mostras, sempre no noso idioma. Deste xeito, “A Xeración BD Banda” (2003), puido verse nas Xornadas de BD de Ourense deste ano. Tempo despois, a exposición “BD Banda” con orixinais dos autores que sobre a revista se puido ver no salón Viñetas desde o Atlántico 2005. A maiores, esta mesma mostra estivo presente en eventos coma o Saló del Còmic de Barcelona, o de Cornellá, a Semana do Humor de Silleda, o Verbum de Vigo, a primeira edición do Salón Cultur.gal.
En colaboración coa Consellaría de Cultura elaboramos, en 2006 a exposición “A banda avanza”, unha mostra do traballo dos autores galegos que se empregou nas feiras do libro de Pontevedra, Cangas e A Coruña nese ano. Con posterioridade, o mesmo material fixo parte do stand que sobre BD galega visitou o Saló de Barcelona en 2007 e aínda a comezos de 2008 na nova viaxe que este posto realizou ao Salón de Angulema, o principal encontro de BD de Europa e un dos maiores do mundo. A intención agora é que esta exposición se distribúa en bibliotecas e centros de ensino nun formato manexable e a baixo custo que permita unha mellor difusión da nosa BD.
En 2007, a coincidir co lanzamento da revista, realizouse a exposición “A nova BD Banda”. Esta recolle reproducións das obras que compoñen a revista, permitindo coñecer o traballo de toda unha serie de autores do país e mais foráneos traducidos ao galego. Feita sobre cartón pluma, esta mostra quere chegar a salas e eventos de menor envergadura, é máis sinxela de organizar e de expor e suponlle menos custo aos interesados. Esta aposta xirou xa por espazos coma a casa da cultura de Porriño, o Cultur.gal, e mais as actividades Anda na Banda do programa Lugo Cultural.
Xornadas e eventos
Ademais, BD Banda ten organizado as Xornadas BD Banda (2002) e colaborou noutros eventos coma Viñetas desde o Atlántico( 2005) ou as Xornadas de Ourense(2003), para alén participou activamente en todo tipo de encontros, mantendo nos últimos anos presenza continuada no Saló del Cómic de Barcelona. Desde 2005 organiza as Xornadas de BD do Concello de Pontevedra, que celebrará este ano a súa terceira edición. O traballo do noso colectivo tamén lle valeu ser convidado nas II Jornadas de Banda Desenhada de Santo Tirso (Portugal) onde os nosos representantes compartiron mesa co máis destacado do panorama da BD lusa. En 2007 a visita foi ao Festival de BD de Beja, na actualidade a principal evento da novena arte no país veciño. En outono dese mesmo ano BD Banda participou no encontro Avantcómic que se celebrou no centro La Casa Encendida de Madrid. Alí, representantes do colectivo compartiron mesa con membros dalgúns dos principais proxectos de autoedición de Francia, Bélxica, Israel ou España nunhas xornadas centradas na análise do futuro da autoedición aplicada á BD e a outras artes.
Certames
Canda a isto convocamos xa dous certames dedicados á novena arte, e o labor de promoción dos autores que participan na revista permitiu que moitos dos creadores galegos do xénero comecen a despuntar no exterior, como é o caso dos galegos que colaboran en “El Jueves” e na revista infantil “Mister K”, de David Rubín ou de Jacobo Fernández, autores que están a publicar os seus traballos a nivel estatal España e que ven recoñecido o seu traballo con diferentes premios.
Coedicións
Desde 2005 a asociación colabora coa editorial Faktoría K de Libros na publicación da “Colección BD Banda”, un proxecto que quere achegar en formato de alta calidade a BD en galego ao público do noso país. A aposta, centrada no público infantil e xuvenil, ten xa na rúa 6 volumes e conta coa vindeira publicación de dous máis. De cara ao futuro, o colectivo agarda continuar con esta colaboración.
Centros de ensino
En 2007, coa colaboración da Consellaría de Cultura desenvolvemos a mostra “As bases da banda”, unha proposta didáctica centrada na explicación dos recursos básicos do cómic. A exposición amosa en dez paneis a historia e os recursos básicos desta arte. Canada a isto, unha completa unidade didáctica achega un lote de actividades para que os alumnos investiguen encol da novena arte e fagan as súas propias creacións neste medio. Na actualidade a mostra está a se distribuír en diferentes centros de ensino, e é a nosa intención que continúe e que se expanda a bibliotecas e outros espazos.
Web
De xeito paralelo mantemos un web que se actualiza periodicamente e informa sobres as novidades do colectivo e mais da BD galega en xeral. O espazo, que recibe abondosas visitas, permite intensa unha interacción co público mediante comentarios e mails, e contribúe a amosar a normalidade da banda deseñada en galego.
A nosa intención é crear, en dispoñendo de recursos, versións para a rede daqueles contidos didácticos e artísticos que desenvolvamos, sexan guías didácticas, recomendacións, exposicións ou extractos das nosas publicacións, con vistas a conseguir a maior difusión da BD e do traballo dos autores galegos.
A BD: Arma normalizadora
É a nosa intención xeral conseguir popularizar a BD no seo da sociedade galega e, ao tempo, facer deste medio barato, universal e especialmente atractivo para a xente moza, unha decisiva ferramenta de normalización. A asociación que se fai habitualmente da BD coa mocidade pode ser un importante engado para dar unha imaxe da nosa lingua moderna e desenfadada. Estamos a falar dun oco de potenciais falantes para os que a nosa cultura carece practicamente, e ata o momento, de produtos específicos (videoxogos, filmes dirixidos a esta franxa de idade, programas televisivos…). A nosa é unha aposta que, para alén de ter un custe moi inferior aos medios mencionados, permite unha primeira achega, para alén de ofertar a posibilidade de recuperar tamén para o noso idioma un colectivo, o dos lectores de BD, que ata o momento se encontra, de xeito maioritario, españolizado lingüísticamente.
Debemos aclarar, de calquera xeito, que aínda que estamos a falar de propostas dirixidas a xente nova, debemos entender este concepto como unha orientación. Poida que moitas das nosas iniciativas sexan axeitadas, por exemplo, para idades a partir dos quince anos, pero en ningún caso exclúen franxas superiores. A BD pódese gozar a calquera idade, e non son poucas as persoas de idade respectable que gozan do bo traballo dos nosos autores.
Unha revista profesional
Neste sentido, é a nosa intención conseguir unha publicación de BD galega forte e feita na nosa lingua, cunha tiraxe ampla (máis de dous mil exemplares de cada número) e cuns contidos de calidade e abondo variados para permitiren o seu emprego didáctico. Na busca da máxima calidade na edición manexamos formatos máis custosos do que un libro tradicional, coa intención de obtermos un produto atractivo e capaz de competir en canto a deseño e composición nos mercados internacionais.
En canto aos lectores, tentamos chegar a un público de a partir de 15 anos non necesariamente familiarizado co mundo da BD, nunha idade crucial no que emprego do noso idioma se refire.
Pola banda do sector da BD, unha publicación deste tipo, como xa se puido comprobar coa extinta “Golfiño”, permite a rápida maduración dun bo número de autores e potencia a súa profesionalización, ademais de lles facilitar traballo nun medio que, por experiencias pasadas, sabemos que é habitualmente abandonado ante as poucas expectativas laborais que existen nel.
Unha BD Banda profesional non só pode ser unha importante ferramenta de normalización, senón que se converterá nun excelente banco de probas para os nosos autores, ademais de base para futuros proxectos de desenvolvemento da BD.
Evidentemente, esta busca de calidade e de grandes tiraxes, xunto coa necesidade de facer publicacións dun bo número de páxinas para compensar en certa medida a escasa periodicidade, obríganos a investir neste proxecto unha grande cantidade de cartos por número. Deseñadores, maquetadores, debuxantes, distribuidores e imprentas, gastos todos eles habituais nun proceso editorial supoñen aquí un importante desembolso, e é por isto que solicitamos o apoio público para o noso proxecto.
Ensinar a BD
De xeito complementario ao proxecto de profesionalización da revista, con vistas a apoiar a creación dun público para a BD galega e implementar o emprego deste medio nas aulas de ensino, é a nosa intención desenvolver cando menos unha mostra anual destinada a itinerar por centros de ensino e locais socioculturais de todo o país. Nun primeiro momento queremos abordar as bases da BD para dar a coñecer o proceso creativo que se agocha detrás da novena arte. A creación de personaxes, o debuxo, a narración, o guión, os recursos gráficos… As diferentes partes da creación da banda deseñada amosaranse aos alumnos de colexios e institutos de todo o país a partir de exemplos prácticos e irán acompañados duns breves apuntamentos propóndolles aos profesores, especialmente aos de plástica, posíbeis actividades para desenvolver a partir da BD así como unha lista de obras clásicas que se pode incorporar ás bibliotecas dos centros.
En vindeiras edicións gustaríanos afondar co mesmo método en cuestións específicas da BD, e ampliar as posibilidades didácticas do medio ao tratamento de temas concretos a partir da BD. Exemplos coma a arquitectura, a historia ou a literatura teñen amosado ser especialmente axeitados para aproveitar esta arte.
Facer afección
É coa idea de potenciar o desenvolvemento dunha afección galega que queremos desenvolver o noso sitio web dotándoo de contidos dinámicos e atractivos que permitan ás persoas interesadas coñecer máis a fondo o noso proxecto e a BD galega en xeral. Canda a novas sobre o medio frecuentemente actualizadas e de abondoso material gráfico (fondos de escritorio, mostras de traballos…) queremos permitir o intercambio de opinións a través da rede. Esta retroalimentación informativa é imprescindíbel para saber como abordar de xeito óptimo futuras accións de cara a popularizar a BD e ha dar nun afortalamento do sector de afeccionados, que cada vez han saber máis do sector e terán máis claro o que queren encontrar. A partir das estimacións que podemos a facer a partir das visitas obtidas polo noso antigo web, contamos con conseguir unha audiencia que rolde as mil visitas cada mes e que se vaia incrementando segundo vaiamos introducindo máis contidos e se afiance a relación interactiva cos usuarios.
BDbanda arrequecido por WordPress | Deseño da "pele" para wordpress: O Clube da esquina | 13 peticións. 0.306 s.