Que é BD Banda?

As orixes
A revista “BD Banda” nace no ano 2001 por iniciativa do debuxante Kiko da Silva e de Cano, encargado da Librería Paz de Pontevedra. A intención era crear un medio no que os autores galegos puidesen publicar cunhas boas condicións gráficas e de maquetación uns traballos que daquela carecían de canles para chegar ó público.

O 17 de maio dese ano presentábase ó público en Pontevedra o primeiro número da publicación, cunha tiraxe de mil exemplares de 90 páxinas, maquetado polo propio Kiko e pagado integramente polos dous promotores.

A boa resposta da afección e o eco mediático acadado fixo que o Concello de Pontevedra se interesase en apoiar económicamente a publicación, e deste xeito realiza unha aportación desde o segundo número da revista. Ademais, apoiou a realización das primeiras xornadas de BD na cidade, coordinadas de novo por Kiko e por Cano. A difusión acadada pola revista e a calidade dos traballos presentados nela levou a que uns veteráns da BD coma son os membros do estudio de deseño gráfico ourensán O Clube da Esquina (Héitor Real e Miguel Anjo Carvalho, antigos Comixarios) se integrasen no proxecto encargándose das pesadas tarefas de maquetación en deseño.

A medrar
Aínda de cara ó terceiro número buscouse crear un Consello de Redacción e convocouse unha xuntanza en Ourense da que saíu un colectivo no que participan en maior ou menor grado, e ademais dos xa mentados, Germám Ermida, Francisco Paradelo, Miguel Porto, David Rubín e Miguel Anxo Robledo.

Na actualidade, e cun equipo asentado formado por Kiko, Cano, Héitor, Carvalho, Paco Paredelo e Germám, a intención da revista é ser o medio de expresión e plataforma de lanzamento dos autores de banda deseñada do país, permitindo que os seus traballos cheguen a un público cada vez máis amplo. Ó mesmo tempo, e de cara ó lector, pretende ofrecer unha publicación de calidade tanto a nivel de deseño e material como de traballos publicados. Todos os cartos obtidos da venda da revista, publicidade ou subsídios destínanse directamente a manter a edición da mesma. A intención do consello de redacción é que a revista exista mentres os debuxantes do país o queiran e a apoien enviando os seus traballos, e non que sexan problemas económicos o que a fagan desaparecer. Resumindo: aquí non cobra nin o apuntador. Todo para a revista.

Lanzamento á edición
O nacemento do novo selo da editorial Kalandraka, Faktoría K de Libros, ten unha especial importancia para o noso colectivo. Se nos seus primeiros tres números a “Colección BD Banda” publicábase en coedición coa editorial pontevedresa, a partir desde novembro de 2005 sae ao mercado co selo “Faktoría K de Libros”, editora filial de Kalandraka.

Isto quere dicir, basicamente, que o noso benquerido director Kiko da Silva pasa a ser director, dentro da nova editora, desta colección , e o resto do equipo mantémonos coma produtores (redacción e maquetación) e Consello Editorial Consultivo da mesma.
Na realidade isto non supón unha grande diferenza coa situación anterior. BD Banda non fai parte en ningún outro xeito da nova editora nin desaparece como colectivo autónomo. Unicamente xestionaremos esta colección (ou outras iniciativas que poidan xurdir arredor da BD) dentro do proxecto. Isto non quita que nin a nova editora nin nós poidamos iniciar proxectos independentes.

Álbums e revistas
A colección de álbums nace desde o colectivo coma unha profesionalización do labor que levamos facendo desde que comezamos no 2001 co proxecto. Isto implica que é unha iniciativa remunerada en todos os seus aspectos e que defende os dereitos de autor sobre as obras de banda deseñada, tan esquecidos en moitas ocasións no mercado estatal.

Pola mesma, queremos aclarar que a revista seguirá a ser un proxecto propio do noso colectivo, con total independencia económica e creativa, ao igual que aqueloutros proxectos de difusión e dignificación da banda deseñada en xeral e galega en particular que abordaremos nun futuro achegado.

Sobre a nosa política de edición de álbums, sinalar unicamente que queremos continuar publicando obras de calidade, que axuden a difundir a novena arte e que permitan desenvolver o xénero en Galiza. É tamén a nosa intención conseguir que as obras estranxeiras sexan coñecidas polo público no noso propio idioma.De igual xeito, sinalar que pretendemos que as edicións en castelán dos álbums editados baixo a nosa responsabilidade se distribúan unicamente fóra do noso país.

Agradecemos inmenso a confianza depositada por Kalandraka no noso proxecto e a valentía que demostran ao apostar pola novena.
Agardamos que esta nova iniciativa supoña o comezo da definitiva profesionalización da banda deseñada no noso país.
E, coma sempre, o noso máis fondo agradecemento aos autores que colaboran desinteresadamente coa nosa publicación e que están a permitir que o proxecto continúe a medrar para ben da BD do país.
Grazas de novo a todos.

(TEXTO DE SETEMBRO DE 2005)

BDbanda arrequecido por WordPress | Deseño da "pele" para wordpress: O Clube da esquina |

13 peticións. 0.175 s.