ÚLTIMA HORA:
Este venres vinte de outubro o noso agraciado libreiro recollerá en Ourense o seu ben merecido premio. Alí queremos ver a todo o mundo facéndolle a onda desde as cadeiras do público!!
Máis: CANO EN ACCIÓN EN DIARIO DE PONTEVEDRA! Fotos en vivo! Declaracións! Vicio!!!
E aínda, a crónica do evento en La Voz de Galicia
O Celebérrimo Libreiro e destacado colaborador do proxecto BD Banda, Angel Paz AKA Cano acaba de ver meritoriamente recoñecido o seu traballo a prol da BD. A organización do prestixioso Premio Ourense á mellor iniciativa do ano no campo da banda deseñada outorgoulle o galardón deste ano á Libraría Paz, que el xestiona.
ULTIMA HORA:
Cano en actitude relaxada pousando cos premiados e autoridades pertinentes.
Con este premio, a Casa de Xuventude de Ourense recoñece un traballo de anos a difundir o medio e a apoiar todo tipo de iniciativas a prol do mesmo no país.
Reproducimos abaixo a argumentación que os organizadores deron para este recoñecemento (que levamos nós o ano pasado)
“A Libraría Paz, unha das pioneiras no país en prestar atención especializada á BD, tense distinguido por ser unha das grandes difusoras do medio, percorrendo media Galiza a través de feiras e eventos de todo tipo. Así foi como moitos afeccionados aos cómics puideron, durante moitos anos, acceder aos álbums e revistas que non chegaban ás librarías e aos quioscos en lugares como a cidade de Ourense.
Hoxe, afortunadamente, as librarías especializadas e as xeneralistas que prestan unha atención notábel aos cómics son unha realidade ao longo do país, mais non en 1990, cando Cano Paz decidiu dedicar á banda deseñada boa parte da libraría fundada polos seus pais (Isidro Paz e Dolores García) en 1968. Así, a Libraría Paz e outras iniciativas ao longo da xeografía galega —algunhas aínda en activo, como a Libraría Komic, de Santiago— foron abrindo camiños para que a percepción social dos cómics fose gañando parte do espazo que lle pertence.
Non hai que esquecer que, ademais de ter levado a BD a moitos lugares, Cano e a Libraría Paz están detrás do proxecto BD Banda desde os seus inicios, cando a edición de BD galega estaba ben lonxe do que está chegando a ser.
Outorgar este premio a unha libraría pretende salientar a importancia capital que para a banda deseñada supón a súa difusión a través delas, e defender un sector, o dos libreiros, que é o punto de contacto directo co público e o máximo axente divulgador da Novena Arte. Do compromiso e a sensibilidade cultural dos libreiros depende boa parte do futuro dos cómics na nosa sociedade.”
Desde o colectivo queremos destacar que teñen máis razón que un santo e parabenizar ao noso compañeiro, ao que aínda lle había que facer algunha homenaxe máis e pagar-lhe múltiplas cañas.
Poderemos ver a súa peluda presenza nas vindeiras xornadas de Ourense, onde recollerá a correspondente figura que Manolo Figueras realiza para a ocasión.
PARABÉNS PARABÉNS PARA VOCÊ!!
BDbanda arrequecido por WordPress | Deseño da "pele" para wordpress: O Clube da esquina | 16 peticións. 0.203 s.