Distribuidoras:
Galego: Consorcio Editorial
Español: SD
Máis información no Ministerio de Cultura
As serpes cegas, editado polos galegos BD Banda, gaña o Premio Nacional de Cómic
O álbum xa fora recoñecido co Premio da Crítica, o Premio Diario de Avisos ao Mellor Guión e o premio do Saló del Còmic de Barcelona á Mellor Obra e ao Mellor Guión
Pontevedra. 5 de novembro
O álbum As serpes cegas, editado polo colectivo galego BD Banda, acaba se ser recoñecido co Premio Nacional de Cómic que outorga anualmente o Ministerio de Cultura. A obra do madrileño Felipe Hernández Cava (no guión) e do mallorquín Bartolomé Segui (no debuxo) foi considerada por un amplo xurado coma a mellor publicada en todo o Estado. Os dous autores recibirán en total 20.000 euros. Esta é a primeira ocasión en que unha obra editada en Galicia consegue este recoñecemento, que é de especial importancia porque é tamén o primeiro álbum publicado por este colectivo
A obra narra a historia dun emigrante que chega a Nova York no ano 1939 na procura de Ben Koch, un home que incumpriu un pacto. De xeito paralelo vemos como en España, a Guerra Civil está xa perdida para os republicanos, que se ven impotentes para prolongala ata o estalido duna conflagración europea que modificará o mundo. Todo o universo dos protagonistas está presidido pola urxencia en axustar, durante eses días de abafante verán, as súas contas persoais.
Lanzamento
A obra, que se presentou con 1.500 exemplares en galego e 2000 para o mercado español está xa dispoñible nas librarías de todo o país. O lanzamento tivo a peculiaridade de se tratar da primeira coedición entre Galicia e Francia no campo da banda deseñada, xa que a obra foi publicada recentemente pola prestixiosa editora gala Dargaud conseguindo unha ampla resposta de público e de vendas. Precisamente foi na revista BD Banda que comezou a súa andaina o álbum na forma de serie por entregas, chamando rapidamente a súa calidade a atención deste xigante francés da edición. Logo de chegar a un acordo de colaboración, fechouse un lanzamento conxunto nas tres linguas da que promete ser unha obra de referencia entre as editadas en 2008 en Europa.
Autores
Bartolomé Seguí e Felipe Hernández Cava contan cun amplo recoñecemento estatal no campo da banda deseñada. Alén de participar en publicacións clásicas coma Cairo ou El Víbora, Seguí conta con preto dunha ducia de álbums (algúns xa publicados en Francia) con títulos coma El sueño mexicano, Cohibas Connection ou Lola y Esnesto. Pola súa banda, Hernández Cava é un nome fundamental da historieta estatal dos últimos trinta anos. Títulos coma Lope de Aguirre: La expiación, El artefacto perverso, Berlín,1931 ou os asinados en colectivo coma El Cubri revelan un dos maiores creadores da Península nesta arte.
Crítica
A publicación en álbum de As serpes cegas está a conseguir un éxito inusitado, tanto a nivel estatal coma na súa edición francesa, da man de Dargaud. A obra xa recibira o Premio da Crítica, o Premio Diario de Avisos ao Mellor Guión e o premio do Saló del Còmic de Barcelona á Mellor Obra e ao Mellor Guión entre outros recoñecementos. Críticos e medios de comunicación amosaron un apoio unánime ao proxecto, destacando tanto o nivel do debuxo coma o do guión. Publicacións coma Dolmen, La Opinión, Siglo XXI, Diario Montañés, Xornal de Galicia, La Cárcel de Papel ou o destacado blog francés bodoi.info salientaron a calidade desta historia e a orixinalidade da aproximación ao tema da Guerra Civil. Para máis, o álbum foi finalista no prestixioso premio das librarías francesas de BD deste ano.
BDbanda arrequecido por WordPress | Deseño da "pele" para wordpress: O Clube da esquina | 16 peticións. 0.158 s.