Facer BD en Pontevedra

Cartel Seminario de Técnicas de Narración Audiovisual
Actualizado: Hoxe empeza a actividade

“Facer BD: Seminario de técnicas de narración visual” é o nome da iniciativa que presentou hoxe a Biblioteca de Pontevedra. O proxecto consiste nun curso para aprender a facer banda deseñada, destinado a persoas de máis de trece anos cuns mínimos coñecementos do medio. O seminario desenvolverase ao longo de seis sesións e será impartido por Kiko da Silva e Fernando Iglesias entre o dezanove de febreiro e o seis de marzo, en sesións dunha hora e media.

A proposta xorde do interese que se comprobou nas actividades dedicadas á banda deseñada que se desenvolveron ao longo do pasado outono na biblioteca. Entre os asistentes detectouse a presenza dun nutrido grupo de persoas interesadas por afondar no seu coñecemento do medio e en adquirir habilidades técnicas, especialmente no ámbito do debuxo e da narración.

Nese sentido, no seminario abordarase o emprego das ferramentas de debuxo, técnicas para a creación de guión, creación de personaxes, planificación de páxina, técnicas de cor e, finalmente, unha sesión na que se analizarán varios títulos clásicos da historia da BD á luz do aprendido. Os participantes deberán desenvolver diferentes exercicios que serán revisados polos relatores.

As sesións desenvolveranse nos seguintes horarios:
Horario:De 19:00 h a 21:00 h

Datas:19 e 26 de febreiro

5 e 26 de marzo

2 e 16 abril

Doutra volta, a coordinación desta iniciativa corre a cargo da Asociación BD Banda. O seu presidente, Kiko da Silva, sinalou a sorpresa que supuxo para o colectivo comprobar a existencia dun interese tan grande pola creación de banda deseñada en Pontevedra. “Nos anteriores obradoiros comprobamos que había un grupo máis ou menos fixo que xente nova que viña a todos. E á hora de avaliar a actividade, vimos que todos pedían traballar máis o debuxo”, explica. Nese sentido, apunta que “con iniciativas coma estas, estanse a dar os pasos para permitir que se desenvolva unha canteira de creadores de banda deseñada na cidade”.

Kiko da Silva é o creador de series de BD coma Fiz nos biosbardos, Emilioeurista ou Brais aínda vive cos pais e desenvolve un intenso labor de humor gráfico en publicacións coma El Jueves ou en diversos xornais da prensa galega. Ademais, ten unha ampla experiencia coma ilustrador e dirixe a revista Retranca.

Fernando Iglesias é un reputado autor galego de BD, con obras que obtiveron o recoñecemento unánime da crítica coma Impresiones de la isla ou Gorka, e colaboracións en prensa coma a serie Silverio Tisú. Asimesmo posúe unha ampla traxectoria coma ilustrador e humorista gráfico.

O prazo de inscrición dos obradoiros está aberto na Biblioteca de Pontevedra ou no mail ou no mail biblio.publica.pontevedra@xunta.es

Folla de inscrición en pdf

Biblioteca Pública Nodal de Pontevedra
Alfonso XIII, 3
36002 Pontevedra

Tel: 986850838
Fax: 986862127

O falar non ten cancelas; esbardalla a eito.



BDbanda arrequecido por WordPress | Deseño da "pele" para wordpress: O Clube da esquina |

16 peticións. 0.226 s.