As palabras detrás do home

O intrépido reporteiro Xesús Blanco adentrouse na selva da libraría Paz para acadar unha entrevista co gañador do último Premio Ourense

Non é sinxelo conseguir unhas palabras do noso libreiro. Para alén das súas habituais dificultades locutivas, Anxo Paz “Cano” caracterízase por ser un home que se dá pouca importancia e que non gosta especialmente de andar a vender exclusivas, pousados-robados ou darlle declaracións á prensa.
É por iso que ten un especial mérito o traballo que o compañeiro Xesús Blanco desenvolveu, adentrándose entre a maraña de follas e de volumes que é a libraría Paz para obter unha entrevista co noso compañeiro, merecido gañador do último Premio Ourense ao mellor labor do ano en Banda Deseñada.
Moitas grazas Xesús, estás chamado a ser como mínimo o sucesor de Pérez Reverte nas frontes de batalla!


ANXO PAZ (‘Cano’): Libreiro e colaborador de BD Banda

“Os colectivos de Banda Deseñada son os únicos que buscan unha saída para os nosos autores”

Calquera afeccionado galego que se prece tivo que visitar algunha vez a Librería Paz de Pontevedra, unha das pioneiras en especializarse na venta de Banda Deseñada. O que más lles gusta os afeccionados é ter a oportunidade de falar cun libreiro como Anxo Paz (‘Cano’), que ademais de vender cómics tamén sabe, e moito, sobre eles. Non por casualidade ‘Cano’ é un activo colaborador do colectivo BD Banda. Por iso para a maioría dos afeccionados a concesión do Premio Ourense de Banda Deseñada a este establecendo non constitúe unha sorpresa, máis ben é o xusto recoñecemento a un labor de moitos anos de traballo e de xenerosidade que, no caso de Cano, transcende o ámbito empresarial. O premio, outorgado pola Casa da Xuventude e a Concellaría de Cultura, Festas e Festival de Cine do Concello de Ourense, distingue cada ano unha mellor iniciativa ou unha traxectoria en relación coa BD en Galicia.

JESÚS J. BLANCO.

Especializarse na venta de tebeos é unha dedicación pouco habitual. ¿A xente valora a túa profesión ou o seguen a ver como unha infancia non superada?
Os tebeos que se publican actualmente perderon o carácter ‘infantil que podían ter hai vinte ou trinta anos, pero aínda así a moita xente lle parece que eres un bicho raro, porque vives centrado nun subxénero, de subxéneros de subxéneros.

¿Cómo valora este recoñecemento á Librería Paz polo seu labor en prol da Banda Deseñada?
Alégrome sobre todo pola xente que leva moito tempo traballando e organizando estas Xornadas para que sexan posibles, porque me agasallan co seu recoñecemento. Tamén ten o seu mérito que se lembren dunha vez dos libreiros, porque ademais dos profesionais da Banda Deseñada somos os únicos que andamos realmente nisto. Desde ese punto de vista levar tantos anos organizando unhas xornadas como as de Ourense e que sigan estando vivas é meritorio e positivo. Sempre que me chamen irei contento porque sei que vou estar con amigos e, polo demais, é un motivo de orgullo que se acordaran de min.

Cres que o premio tivo algo que ver coas iniciativas editoriais nas que te implicaches ultimamente?
Creo que tivo que ver coa nosa antigüidade como establecemento especializado na venta de Banda Deseñada. De feito, case somos a tenda máis antiga de Galicia agás por outra de Santiago, que se nos adiantou uns meses. Tamén somos dos que máis nos movemos para promocionar a Banda Deseñada. Non só a través da publicación da revista BD Banda, que só axudamos a sacar, senón mediante a participación continuada en xornadas, feiras e debates. Entón supoño que se valora o conxunto de todos eses esforzos

¿A Librería Paz mantivo sempre un papel moi activo no certame ourensán?
Temos axudado moito nas Xornadas de Ourense e aínda o facemos, pero xa non tanto. En cada edición eu cargaba a furgoneta con cómics, marchaba a Ourense e montaba unha mesa con tebeos, para que a xente que visitaba as exposicións puidera ver o que saía cada ano. A miña participación en Ourense non era tanto unha cuestión mercantil como por verdadeiro interese e afección á Banda Deseñada.

¿Porqué as Xornadas de Ourense sempre acadan menor relevancia que o salón de Coruña a pesar de centrarse máis nas produccións propias dos galegos?
Os dous eventos que non son comparable porque na súa concepción son diferentes. O de Coruña conta desde un principio cun presuposto grande e se pensou como un certame para competir có Salón do Cómic de Barcelona que é o colmen. A diferencia é que en Coruña todo é gratis, mentes que en Barcelona ata para entrar tés que pagar. Os propios editores crearon un consorcio e todos aproveitan a celebración do evento para sacar as súas novidades. Ourense, xa desde o seu primeiro ano de funcionamento creou un premio o artista novel. Sempre buscou abrir o campo e dar cancha os autores novos. Ademais contan cun presuposto moi limitado.

¿Son os libreiros unha peza fundamental para o lanzamento e promoción da BD galega?
Habitualmente é así, aínda que polo momento seguimos sendo poucos. De todas maneira creo que o labor de promociona-la BD galega é un pouco traballo de todos. Os libreiros non teñen o mérito absoluto, tamén xogan un papel moi importante os informadores e os profesionais do xornalismo. É fundamental o seu labor de difusión para publicitar o último best seller ou a determinados autores claves no panorama actual. Creo que todos aportamos un pouco desde o punto de vista mercantil. Ademais no caso dos libreiros, nós cómemo disto. A nosa contribución non é totalmente altruísta. Pero tamén creo que a BD é un sector o que se non lle tes afección non te dedicarías a el, porque da poucos beneficios e moito traballo, moito máis que outros sectores das librerías.

Ultimamente os nosos autores están a acadar o protagonismo nos principais certames de cómics e moitos deles se lanzaron a publicar fora de Galicia ¿Cómo definirías a etapa actual da BD galega?
Creo que este momento é o momento máis doce para a Banda Deseñada galega que se deu en moitos tempo. Ante só se coñecía a Miguel Anxo Prado, que é sen ningunha dúbida un gran artista, a Das Pastora, que actualmente publica fora de Galicia e para de contar. Nos últimos tres ou catro anos xurdiron moitos autores, a maioría deles moi novos, cunha media de idade de vintecinco anos, que comezaron na creación e en pouco tempo acadaron un nivel moi potente, ata o punto de que moito deles publican con selos editoriais de ámbito nacional. É o caso de David Rubín, Alberte Vázquez e moitos outros. Na actualidade vexo dez ou doce autores que teñen calidade suficiente para ser publicados polos principais selos editoriais. Non para converterse en best sellers pero si para introducirse no mercado. Creo que iso é bo e significa algo, porque xorden por casualidade. Vanse curtindo có tempo.

Unha das virtudes que destacan habitualmente nos autores galegos é que cada un desenvolve o seu propio estilo sen seguir escolas estéticas, como foi no seu tempo a ‘liña clara valenciana’…
Creo que o estilo da liña clara valenciana foi producto dunha época e alá quedou. En liñas xerais empeza a non haber estilos preestablecidos ou repertorios. Sí, creo que os novos autores hai xente moi diferente que teñen en cada caso un estilo propio e moi persoal. Poder influír un pouco o que eta máis de moda noutros sitios, pero iso é inevitable. En todas partes o artista novel se fixa nos autores que triúnfan en Estados Unidos, Francia ou Xapón. Sempre hai referentes, pero co tempo as influencias se dilúen e os autores tratan de acadar un estilo definido porque queren traballar profesionalmente. Comparade a David Rubín con Robledo e cada un vai por vieiros moi diferentes, tanto no guión como do debuxo.

Cunha canteira de autores como a da BD galega resulta choqueiro que os editores non aposten por ela. BD Banda rompeu unha lanza por cambiar as cousas, a través da colección de albumes que editades con Kalandraka. ¿Cómo se está a desenvolver esta experiencia?
Nós non nos consideramos editores. Un editor é alguén que traballa profesionalmente na edición. Isto en Galicia polo de agora non existe exceptuando a experiencia de Kalandraka cos que chegamos ó acordo de ir sacando os albumes que están producidos pola nosa dirección editorial. Pero é Kalandraka quen pos os cartos e quen decide. En calquera caso trátase da primeira aposta seria nesa dirección, porque é certo que non hai ningún editor galego de BD.

¿Ten algo que ver con esa consideración do cómic como un producto infantil que falábamos antes?
Parece que os tebeos só poden ser un complemento do libro de texto. Non se pensa na Banda Deseñada como algo de futuro. Edicións Xerais publica algo de cando en vez, pero sen ningún fío conductor e buscando sempre o libriño didáctico para nenos, logo están as traduccións de Asterix a os albumes de Toxosoutos, pero a historia é tan escasa como iso. O problema de fondo é que non hai editores. E entre os organismos públicos as única experiencias proveñen da Deputación. Ata que os concellos e as consellerías comecen a meter baza a industria da Banda Deseñada galega continuará na marxinación. Mentres que non teñamos unha industria que, ademais de editar os autores galegos, se preocupe por promocionalos, merque os dereitos das obras para traducilas e que acaden maior difusión e se mova por feiras internacionais o único recurso que nos quedará son os fanzines. De feito son os colectivos de Banda Deseñada os únicos que tratan de buscarlles unha saída os nosos autores.

Trapelas e Falabaratos: 2 verquidos

  1. December 11th, 2006 ás 7:32 pm Blakandeker esbardalla:

    Tudo muito bem, mas….Existe uma escola galega de bd? eh? Aqui haveria muito que cortar…

    Um grande abraço, LIBREIRO!!

  2. December 12th, 2006 ás 12:09 pm Xamataca esbardalla:

    Ben metida esa zoca…

O falar non ten cancelas; esbardalla a eito.



BDbanda arrequecido por WordPress | Deseño da "pele" para wordpress: O Clube da esquina |

16 peticións. 0.231 s.