BD Banda > Novidades:
O BD Banda 4 chega a Galicia

14-06-2010 | 12:33 pm por Redacción

Presentacións en Vigo, Santiago e Pontevedra darán a coñecer o novo número da publicación

Logo de se presentar con grande éxito no último Saló del Còmic de Barcelona, o colectivo BD Banda trae a Galicia o novo número da súa revista. Os afeccionados á BD terán a oportunidade de atopar algúns dos nosos autores en librarías especializadas de Vigo, Santiago e Pontevedra na presentacións que se realizarán ata final de mes.

En concreto, o vindeiro sábado 19 será a libraría Banda Deseñada, de Vigo, a que conte a partir das seis e media da tarde coa presenza de Kiko da Silva, que falará sobre a publicación, e de Jacobo Fernández, que asinará exemplares da mesma. En Santiago a cita será o venres 25 de xuño a partir das sete da tarde na libraría A Gata Tola, coa presenza de Kiko da Silva e mais de Fenrnado Iglesias. Finalmente, esta xeira de presentacións rematará o vindeiro sábado 26 ás 12 da mañá na Libraría Paz de Pontevedra, onde se agarda a presenza de Kiko da Silva e de Jacobo Fernández.

O número 4 de BD Banda ten como eixe a serie As serpes cegas, o recente Premio Nacional de Cómic que remata nesta entrega a súa publicación. Ademais das páxinas correspondentes, a revista inclúe unha ampla entrevista aos autores canda a diferentes ilustracións inéditas e material de traballo. Ademais, continúan as habituais series, como Animais pantasma de Jacobo Fernández, Caveira lunar de Albert Monteys, Ultratumbia de Alberto Guitián, Julie de Calo e Stygryt ou o Astro de Javier Olivares, ademais do artigo de Álvaro Pons e novos contidos.

Calendario de Presentacións

  • Sábado 19 ás 18.30h en Banda Deseñada (R/ Cataluña, 27; Vigo): Kiko Da Silva e Jacobo Fernández.
  • Venres 25 ás 19h en Gata Tola (Avenida de Romero Donallo 9, Santiago de Compostela ): Kiko Da Silva e Fernando Iglesias.
  • Sábado 26 ás 12h en Librería Paz ( R/Peregrina, 29 Pontevedra ): Kiko da Silva e Jacobo Fernández.

As bases da banda en Caldas

01-06-2010 | 12:40 pm por Redacción

A Biblioteca de Caldas de Reis acolle desde hoxe a exposición As bases da banda, realizada por BD Banda co apoio da Consellaría de Cultura.
A mostra, que se pode ver pendurada dun cordel, foi impresa polas responsables do centro a partir das imaxes en alta resolución que están dispoñibles na nosa sección BDagoxía. Canda aos paneis, pode verse, ata o vindeiro día 10 unha exposición dos fondos bibliográficos de banda deseñada que existen no centro, dentro da actividade Días de BD na Biblioteca de Caldas.
O día 4 ás oito da tarde, o debuxante Kiko da Silva visitará o centro e terá un encontro cos asistentes.
Desde BD Banda queremos agradecerlle ás responsables da biblioteca o seu interese pola BD e ter contado coa nosa mostra para a súa actividade.

BD Banda no XXVIII Saló del Còmic de Barcelona

05-05-2010 | 4:44 pm por Redacción

As serpes cegas protagoniza o cuarto número da revista

Ler o resto da nova »

Un mar de viñetas

21-04-2010 | 1:09 pm por Redacción

BD Banda coordina o programa de BD do Concello de Vigo

Un mar de viñetas pretende favorecer a creatividade
e a sensibilidade, tanto estética como literaria a través
da banda deseñada. As actividades tamén queren
favorecer a lectura de BD en galego e o coñecemento e a
comprensión das posibilidades e técnicas desta arte no Concello de Vigo

Ler o resto da nova »

O 6ºA do Colexio Bergantiños faise co certame de BD de Correlingua

21-04-2010 | 11:36 am por Redacción

Os alumnos do curso 6ºA do Colexio Bergantiños resultaron gañadores no Certame de BD que organzia Correlingua en colaboración con BD Banda.

No blog do centro pódense ler todas as historias que presentaron ao certame. Os grupos de 6ºB e 6ºC tamén obtiveron cadansúa mención do xurado.

COMUNICADO

29-01-2010 | 6:11 pm por Redacción

Ante a convocatoria de Axudas á Creación de Banda Deseñada feita pública recentemente pola Consellaría de Cultura, a A.C. BD Banda fai saber:

Que consideramos positivo que o noso sector continúe a se ter en conta dentro da promoción da cultura galega, e que estas axudas ao sector sairan adiante malia ás dificultades e á demora do proceso.
No entanto, desde o noso parecer, a convocatoria adoece de importantes defectos que van dificultar enormemente a eficacia desta iniciativa.
Ao noso ver é particularmente grave a limitación do acceso ás axudas a autores con determinadas titulacións, xa que o requisito deixa fóra desta convocatoria boa parte dos autores en activo, moitos deles sobrados de talento e de capacidade.

Do mesmo xeito, consideramos de difícil cumprimento a necesidade de xustificar os gastos, xa que non permite que os autores facturen o traballo de creación en si. Deste xeito, o campo efectivo da axuda restrínxese ao pago de imprenta e á adquisición de materiais, o que vai contra o o espírito inicial da convocatoria.
Ao tempo, pensamos que o prazo e o formato de proxecto impostos para se apresentar van desanimar aínda máis aos autores a participaren.

BD Banda lamenta que non se teñan consultado co sector as bases propostas e que non se buscase consenso sobre as mesmas consultando os diferentes actores implicados.

A Asociación considera que o foro idóneo para conseguir o consenso do sector encol medidas deste tipo é a Mesa da Banda Deseñada ou organismo análogo. Malia as repetidas declaracións neste sentido, o actual equipo da Consellaría non realizou unha soa xuntanza deste organismo desde que asumiu o cargo, vai para un ano.

Malia a todo, a Asociación quere pensar que as pexas deste proceso son debidas fundamentalmente ao descoñecemento da problemática específica da BD en Galiza, e e agarda que o diálogo e o interese tanto da Administración como dos diferentes colectivos, editores e autores, permitan encarreirar esta convocatoria e en xeral a política encol da BD no noso país.

Asociación Cultural BD Banda



BDbanda arrequecido por WordPress | Deseño da "pele" para wordpress: O Clube da esquina |

24 peticións. 0.239 s.